Marea Pontevedra presenta unha moción para limitar a proliferación de salóns de apostas

Pontevedra
07 de decembro 2018
Actualizado: 18:57

Aseguran que en Pontevedra cada vez temos máis salóns de xogo. En concreto citan que no municipio están a fucionar 100 máquinas de apostas, 74 en locais de hostalería e 26 nos propios salóns de xogos das casas de apostas

Apostas deportivas
Apostas deportivas /

O grupo municipal de Marea Pontevedra vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno na que pide que a corporación que inste á Xunta de Goberno a regular, coa fórmula que determinen os servizos técnicos do Concello, o control e limitación de apertura de salóns de apostas, establecendo distancias mínimas de salvagarda a respecto doutros locais deste tipo xa abertos e tamén de centros educativos, de maiores ou sociais.

O aumento deste tipo de máquinas en Pontevedra alcanza o 66 por cento nos tres últimos anos e, segundo datos de AGALURE (Asociación Galega de ludópatas rehabilitados), a adicción ao xogo xa é moito maior nos usuarios das apostas deportivas que nos tradicionais casinos, bingos e máquinas tragaperras.

Dende Marea Pontevedra sinalan que a adicción ao xogo é un dos graves problemas aos que nos enfrontamos como sociedade. Esta formación política entende que o seu auxe, que coma todas as adiccións afecta en maior medida aos sectores máis vulnerables, "comeza a evidenciar a necesidade dunha nova regulación deste tipo de actividades".

Aseguran que en Pontevedra cada vez temos máis salóns de xogo. En concreto citan que no municipio están a fucionar 100 máquinas de apostas, 74 en locais de hostalería e 26 nos propios salóns de xogos das casas de apostas. Hai tres anos unicamente había 60 máquinas en bares e ningunha neste tipo de locais.

A nivel municipal, o servizo de conductas aditivas, xa leva atendidos numerosos casos de menores de entre 14 e 18 anos, de ambos sexos, que presentan problemas con estas adiccións, principalmente as relacionadas coas apostas on-line.

CIUDADANOS REXEITA A SÚA PRESENZA PRETO DE CENTRO ESCOLARES 

Pola súa banda, Ciudadanos Pontevedra reclama ao Concello de Pontevedra a prohibición de abrir casas de apostas nas inmediacións de centros escolares, institutos, centros xuvenís e zonas de alto tránsito de menores. 

A portavoz municipal desta agrupación, María Rey, lembra que "é responsabilidade de todos manter os mozos alonxados de calquera actividade que poida derivar en adicción". Afirma, ademais, que está a aumentar cada día o número de adolescentes que apostan.