Marea Pontevedra propón que a avenida Fernández Ladreda pase a chamarse Manuel Portela Valladares

Pontevedra
11 de novembro 2016

José María Fernández Ladreda foi un xeneral do exército franquista que organizou o "batallón de voluntarios" durante o alzamento armado. Posteriormente exerceu de ministro durante a ditadura franquista

Rúa Fernández Ladreda
Rúa Fernández Ladreda / Mónica Patxot

Despois da polémica que xerou o cambio de denominación da rúa Javier Puig, agora Marea Pontevedra reclama a retirada do nome da avenida Fernández Ladreda porque entende que incumpre a lei de memoria histórica. A agrupación que lidera Luís Rei propón para esa rúa o nome do político pontevedrés e presidente do goberno da República, Manuel Portela Valladares.

Segundo afirma Luís Rei, Pontevedra é a única das cidades galegas nas que se perpetúa o nome dun ministro da ditadura franquista dentro da nomenclatura da avenida. 

José María Fernández Ladreda era desde 1945 un xeneral do exército franquista. Exerceu de procurador nas Cortes da ditadura e anteriormente, segundo apunta Marea Pontevedra, formou parte na trama cívico-militar que organizou o "batallón de voluntarios" que se alzou en Oviedo contra as autoridades. Ademais durante a etapa franquista foi ministro de Obras Públicas.

Luís Rei considera unha anomalía histórica, ética e legal que altos cargos da ditadura do xeneral Franco continúen sendo homenaxeados.