Marga Caldas estuda con Amizade as actuacións a realizar para garantir unha mobilidade sen barreiras en Poio

Poio
23 de maio 2022

Nas últimas semanas procedeuse á mellora da sinalización de prazas de estacionamento exclusivas para persoas con problemas de mobilidade

Reunión con representantes de Amizade no Concello de Poio
Reunión con representantes de Amizade no Concello de Poio / Concello de Poio

A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, o enxeñeiro municipal e o responsable da Policía Local de Poio mantiveron unha reunión de traballo con representantes da Asociación de Persoas con Discapacidade da comarca de Pontevedra Amizade. 

A edil do goberno local explicou que, tanto o Concello como o colectivo coinciden no seu compromiso á hora de impulsar iniciativas que sirvan para concienciar á sociedade sobre o bo uso das prazas e espazos reservados para persoas con problemas de mobilidade. É por iso polo que estudará a opción de impulsar campañas informativas, a través da propia concellaría de Seguridade Cidadá e doutras áreas como Educación, para acadar este obxectivo. 

Ademais, segundo apunta Caldas, o goberno local tamén se compromete a estudar as propostas realizadas polos representantes de Amizade para garantir que as prazas para o estacionamento se adapten á normativa vixente, e tamén a facilitar os accesos a beirarrúas ou nas entradas de edificios municipais ou eventos lúdicos, culturais e deportivos que estean organizados pola administración local.

Tamén se porá o foco na mellora dos accesos a outros puntos de interese como as praias.

A concelleira de Seguridade Cidadá lembra que xa nas últimas semanas o Concello de Poio procedeu a ampliar, mellorar e reforzar a sinalización de varias prazas de estacionamento reservado para persoas que padecen problemas de mobilidade reducida, situadas en diferentes puntos do municipio.

Marga Caldas explica que a dotación de novas prazas dan resposta a necesidades propostas pola veciñanza e cuxa instalación conta cos pertinentes informes técnicos favorables.