María Biempica súmase á carreira electoral e encabezará unha candidatura independente

Pontevedra
02 de febreiro 2015

Afirma que leva traballando no seu programa electoral dende o pasado mes de outubro, para o cal se foi reunindo con diferentes colectivos sociais. Ademais, sinala que está "muy ilusionada" e avanza que xa ten perfilado o equipo de persoas que o acompañará nesta aventura política

María Biempica, concelleira non asdcrita en Pontevedra
María Biempica, concelleira non asdcrita en Pontevedra / Mónica Patxot

María Biempica esfollou por fin a margarida. Despois de meses estudando diferentes alternativas, a ex concelleira do Partido Popular decidiu encabezar unha candidatura independente de cara ás próximas eleccións municipais de maio.

A propia interesada confirmou a PontevedraViva as súas intencións, tras adiantalo Diario de Pontevedra esta fin de semana. Asegura que xa remitiu toda a documentación ao Ministerio do Interior para poder concorrer ás eleccións con esta candidatura independente. Iso si, ata que reciba o visto e prace gobernamental declina dar máis detalles acerca desta nova formación.

Biempica, que dende a súa saída do PP permaneceu na corporación municipal como concelleira non adscrita, afirma que leva traballando no seu programa electoral dende o pasado mes de outubro, para o cal se foi reunindo con diferentes colectivos sociais.

Ademais, sinala que está "muy ilusionada" e avanza que xa ten perfilado o equipo de persoas que o acompañará nesta aventura política. Conta, segundo ela mesma explica, con numerosos apoios que, a título persoal ou colectivo, lle mostraron a súa disposición a avalala na súa carreira electoral.

A edil insiste en que non se presenta ás eleccións municipais buscando algún tipo de revancha política contra o Partido Popular e o seu candidato, Jacobo Moreira, senón porque "creo que puedo trabajar por los pontevedreses, como lo he venido haciendo hasta ahora".