O Diario Oficial de Galicia publica este venres o nomeamento de María Encarnación Lucas como a nova directora de Atención Hospitalaria da Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés.
Ocupa este posto directivo no lugar de Yolanda Sanduende, quen asumiu a Dirección Asistencial dende o pasado mes de agosto.
María Encarnación Lucas era, dende comezos de ano, a directora do distrito do Salnés.
Naceu en Madrid en 1983, é licenciada en Medicina e Cirurxía Xeral pola Universidade Complutense de Madrid e fixo a especialidade en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela.
O seu período de especialización permitiulle adquirir unha alta capacitación profesional, entre a que destaca o manexo médico e o tratamento cirúrxico dos pacientes traumatizados e politraumatizados de alta e baixa enerxía, así como o seu alto grao de formación en subespecialidades como a cirurxía de substitución articular e a cirurxía da man. Durante este mesmo período de formación realizou igualmente actividades investigadoras, comunicacións e publicacións científicas relacionadas coa súa especialidade.
Actualmente posúe praza fixa como Facultativo Especialista de Área no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, tras resolverse o último concurso de traslados do Sergas o pasado mes de novembro. Antes conseguira a praza por concurso-oposición no Hospital de Puerto Real (Cádiz), se ben, dende a finalización do MIR, sempre exerceu a súa actividade laboral no complexo de Pontevedra, onde permaneceu en situación de comisión de servizos ata este outono.
Así mesmo, durante a súa experiencia laboral participou na colaboración docente da Universidade de Santiago de Compostela na área de coñecemento de Cirurxía. Tamén destacar o seu interese polo mundo da xestión hospitalaria, inquietude que lle levou á realización do Máster en Xestión Sanitaria e Hospitalaria impartido pola escola de negocios IFFE Business School, e posterior realización de traballo de fin de máster A Oitava Área Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.