María Rey cualifica de "despropósito" a falta de auga corrente no campo de fútbol de Cerponzóns

Pontevedra
31 de outubro 2018

A concelleira de Cidadáns asegurou que os comuneiros desta parroquia trasladáronlle que o Concello realizou catas nos seus terreos para tratar de solucionar o problema sen consultarlles "e sen pedir os permisos necesarios"

Campo de fútbol de Cerponzóns
Campo de fútbol de Cerponzóns / PontevedraViva

A concelleira de Cidadáns no Concello de Pontevedra, María Rey, cualificou de "despropósito" a falta de auga corrente no recentemente construído campo de fútbol da parroquia de Cerponzóns.

María Rey asegurou que os comuneiros desta parroquia trasladáronlle que o Concello realizou catas nos seus terreos para tratar de solucionar o problema sen consultarlles "e sen pedir os permisos necesarios".

A concelleira de Cidadáns puxo en dúbida a xestión destes novos espazos deportivos por parte do goberno municipal tachando de "chapuza" que cun investimento de máis de 800.000 euros, non se tivera en conta o abastecemento de auga.

"Lores quere coar outro gol aos veciños ao construír este campo sen considerar este servizo", dixo María Rey.