María Rey pide revisar o plan de emerxencias municipal e adaptalo ao modelo urbano

Pontevedra
26 de maio 2017

A última revisión do plan de emerxencias municipal fíxose, apunta Cidadáns, en 2007. Pontevedra, polo avance do seu modelo urbano, sufriu unha evolución evidente e é notablemente diferente. Por iso, María Rey solicita ao goberno municipal crear unha mesa de traballo e abordar a adaptación do plan á nova realidade da cidade. Esta proposta xa foi realizada por primeira vez por Cidadáns tras o incendio ocorrido na Ferrería o 1 de febreiro de 2016

María Rey, no pleno municipal
María Rey, no pleno municipal / Mónica Patxot

A última revisión do plan de emerxencias municipal fíxose, apunta Cidadáns, en 2007. Pontevedra, polo avance do seu modelo urbano, sufriu unha evolución evidente e é notablemente diferente. Por iso, María Rey solicita ao goberno municipal crear unha mesa de traballo e abordar a adaptación do plan á nova realidade da cidade.

A través dunha moción dirixida ao pleno, a concelleira de Cidadáns entende que a necesidade de adaptar o plan é aínda máis palpable no caso do centro histórico, no que "debido ás súas características, tanto de accesibilidade como construtivas, a probabilidade de grandes danos é moi elevada".

María Rey explica que o plan de emerxencias "non pode ser un mero documento expositivo, senón que debe ser a base principal para os servizos de emerxencia e unha ferramenta viva e eficaz para a seguridade dos veciños e veciñas".

Ademais de ser un instrumento de planificación útil tanto para as autoridades responsables de atención e seguridade cidadá e para os servizos encargados da resposta ante emerxencias, Cidadáns considera que o plan "debe servir como instrumento para o fomento da cultura da emerxencia dos cidadáns e os visitantes da nosa cidade".

Para iso, Rey reclama que na mesa de traballo estean representados todos os axentes implicados nesta materia, debendo establecer as medidas necesarias para a adaptación do plan ao modelo urbano pontevedrés.

Esta proposta xa foi realizada por primeira vez por Cidadáns tras o incendio ocorrido na Ferrería o 1 de febreiro de 2016.