María Rey ve a Moreira "nervioso" por garantirse un oco na lista electoral do PP

Pontevedra
07 de abril 2016

As recentes críticas de Jacobo Moreira á comisión do PXOM e á súa presidenta, María Rey, non gustaron á portavoz de Cidadáns. Entende que se deben a que o edil do PP está "nervioso" ante a proximidade das próximas eleccións autonómicas e a súa "preocupación" non é nin Pontevedra nin o seu propio grupo municipal senón garantir a súa presenza na candidatura popular e manter a súa actual acta de deputado en Santiago

María Rey, Jacobo Moreira e Luis Rei
María Rey, Jacobo Moreira e Luis Rei / Mónica Patxot

As recentes críticas de Jacobo Moreira á comisión do PXOM e á súa presidenta, María Rey, non gustaron á portavoz de Cidadáns. Entende que se deben a que o edil do PP está "nervioso" ante a proximidade das próximas eleccións autonómicas e a súa "preocupación" non é nin Pontevedra nin o seu propio grupo municipal senón garantir a súa presenza na candidatura popular e manter a súa actual acta de deputado en Santiago.

"Sabemos que para sacar adelante el PXOM necesitamos una oposición unida, pero el señor Moreira únicamente muestra interés por sí mismo cuando utiliza la comisión para buscar publicidad de su persona", sinalou María Rey.

Esta comisión para o estudo e impulso do PXOM, lembrou, forma parte dunha moción conxunta dos grupos da oposición na que se acordou creala para estudar o novo plan, facer un seguimento da situación actual coa empresa redactora e instar o equipo de goberno a buscar co equipo redactor unha fórmula para continuar os traballos iniciados ou ben a resolver definitivamente este contrato.

Nela presentouse un plan de traballo que se enviou con antelación a todos os grupos para que fixesen achegas e que foi aprobado co visto e prace do PP.

Por iso, Rey asegura non entender a postura de Moreira sobre a presunta ineficacia desta comisión porque "no es entendible cómo pretende que solucionemos algo de forma inmediata en siete meses de trabajo cuando ni él ni su equipo pudo hacerlo en los ocho años que lleva como concejal".

Ademais, María Rey aclarou que a solución achegada polo portavoz do PP para sacar adiante o PXOM, consistente en facer unha nova contratación dunha empresa asesora, non é posible, xa que non se pode licitar un novo concurso mentres non se resolva o contrato co equipo redactor actual e a comisión non é unha comisión técnica nin de contratación, polo que non ten competencias para poder tomar unha decisión dese calado.