María Rey votará non ao orzamento por ser "poco participativo, poco ambicioso y poco equilibrado"

Pontevedra
18 de novembro 2016

Redúcenselle as opcións ao BNG para sacar adiante o orzamento de 2017. Tras a negativa de Marea a aprobalo tal e como foi presentado polo Concello, agora foi a portavoz de Cidadáns, María Rey, a que avanzou o seu voto en contra ás contas municipais do próximo ano. "Votaremos no al BNG", explicou en rolda de prensa

María Rey, portavoz de Ciudadanos, no pleno municipal
María Rey, portavoz de Ciudadanos, no pleno municipal / Mónica Patxot

Redúcenselle as opcións ao BNG para sacar adiante o orzamento de 2017. Tras a negativa de Marea a aprobalo tal e como foi presentado polo Concello, agora foi a portavoz de Cidadáns, María Rey, a que avanzou o seu voto en contra ás contas municipais do próximo ano. "Votaremos no al BNG", explicou en rolda de prensa.

María Rey explicou que o orzamento presentado polo goberno municipal é "poco participativo" e lamentou, entre outras cuestións, que o Consello Económico e Social (CES) non tivese un papel "activo" na súa confección. Ademais, considera que é "poco ambicioso" e que non reflicte os problemas que ten Pontevedra.

A portavoz ve tamén que se trata dun orzamento "poco equilibrado" entre as diferentes partidas que se inclúen, deixando pouco espazo para a promoción económica, o rural ou os servizos sociais.

Neste sentido, Rey avanzou que o seu partido presentará unha serie de emendas parciais aos orzamentos, valoradas nun millón de euros, para lograr que se inclúa un programa de apoio aos emprendedores e empresarios pontevedreses para a creación de emprego ou para a contratación de máis traballadores para os servizos sociais municipais.

Iso si, a líder de Cidadáns en Pontevedra avanzou que aínda que o BNG acepte estas emendas ao orzamento o seu voto contrario aos orzamentos é "definitivo" e non se absterán en ningún caso.