María Teresa Fernández de la Vega, en Pontevedra: "Soy medio gallega. Ya quisiera yo quedarme aquí"

Pontevedra
12 de xuño 2024

Presumindo das súas raíces galegas e encomiando a unha cidade que cualificou como "maravillosa". Así chegou a Pontevedra a ex vicepresidenta do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, que visitou este mércores o centro asociado da UNED  

María Teresa Fernández de la Vega, na UNED Pontevedra
María Teresa Fernández de la Vega, na UNED Pontevedra / PontevedraViva

Presumindo das súas raíces galegas e encomiando a unha cidade que cualificou como "maravillosa". Así chegou a Pontevedra a ex vicepresidenta do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, que visitou este mércores o centro asociado da UNED.

Fíxoo non pola súa faceta como política, senón como presidenta da fundación Mujeres por África, que escolleu a Boa Vila como escenario para o primeiro encontro dun programa co que estudantes e investigadoras africanas se forman en universidades españolas.

"Yo soy medio gallega", sostivo Fernández de la Vega nada máis chegar. Explicou que unha irmá do seu pai vivía en Vilagarcía e "venía mucho a verla" e que a súa avoa pasaba longas tempadas na cidade de Pontevedra.

Para ela, o seu regreso ás Rías Baixas supón "rememorar muchas emociones" e, apelando a eses recordos, non dubidou en sinalar que "ya quisiera yo quedarme aquí".

Durante a súa intervención no congreso do programa Learn África, no que participa a Universidade de Vigo, a ex vicepresidenta do Goberno con José Luis Rodríguez Zapatero volveu a presumir dese pasado vinculado a Galicia.

"Volver a esta tierra me emociona de manera particular", recoñeceu a actual presidenta da fundación Mujeres por África, que identificou a Galicia como "la tierra de mis afectos". Celebrar este foro en Pontevedra, dixo, "me produce una satisfacción enorme".

Entre outras cuestións, María Teresa Fernández de la Vega quixo lembrar a dúas das irmás do seu pai, dúas xemelgas que estudaron en Santiago e que as expulsaron dunha clase universitaria na que se investigaba co cadáver dun home espido.

Lembrou como "les dijeron que aquello no era para señoritas y las echaron", pero a súa determinación fixo que continuasen coa súa formación e se convertiran en doutoras. "Es una lucha que yo aprendí de ellas, una motivación que llega hasta hoy", sentenciou.