Mariano Rajoy regresa a Pontevedra para arroupar a Ana Pastor na campaña das xerais

Pontevedra
10 de abril 2019

O ex presidente do Goberno, Mariano Rajoy, desembarca na campaña do Partido Popular ás eleccións xerais do 28 de abril. Farao en Pontevedra, onde arroupará á candidata popular, Ana Pastor. Será nun mitin que se celebrará este venres 12 de abril, ás 20.30 horas, no auditorio do centro social de Afundación

Acto central de Rajoy, Feijóo, Rueda e Ana Pastor en Pontevedra na campaña electoral do 26-X
Acto central de Rajoy, Feijóo, Rueda e Ana Pastor en Pontevedra na campaña electoral do 26-X / Mónica Patxot

O ex presidente do Goberno, Mariano Rajoy, desembarca na campaña do Partido Popular ás eleccións xerais do 28 de abril. Farao en Pontevedra, onde arroupará á candidata popular, Ana Pastor. Será nun mitin que se celebrará este venres 12 de abril, ás 20.30 horas, no auditorio do centro social de Afundación.

O PP organiza este mitin, en parte, como unha homenaxe a Rajoy. Así o traslada o presidente provincial, Alfonso Rueda, que definiu ao seu compañeiro de partido como un home dunha "extraordinaria faceta humana", destacando as políticas que levou a cabo para sacar ao país da "peor crise da súa historia " e para facer fronte ao desafío secesionista en Cataluña. 

O presidente provincial agradeceu a Rajoy que elixira Pontevedra para o seu primeiro acto de campaña, "unha cidade á que representa mellor que ninguén", xa que engadiu que "dicir Mariano Rajoy é dicir Pontevedra e estamos moi orgullosos".

Ademais de militantes, simpatizantes e amigos do presidente Rajoy, na cita tamén participarán o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, a número un na lista ao Congreso dos populares da provincia, Ana Pastor, e o candidato á Alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez.

Coa súa presencia en Pontevedra, que terá continuidade ó día seguinte cun xantar mitin no Baixo Miño, Mariano Rajoy evidencia, segundo o PP, a "gran importancia" que ten a provincia para o Partido Popular, que confía en obter un "magnífico" resultado tanto nos comicios do 28 de abril como posteriormente nas municipais do 26 de maio. 

Rueda subliñou que a lista dos populares ao Congreso e ao Senado é un "valor seguro" que reúne "experiencia e xuventude" e destacou que os seus candidatos son a "mellor garantía" para a defensa dos intereses da provincia en Madrid.

Rajoy, que ata agora mantívose á marxe da precampaña de Pablo Casado, decidiu acompañar a Pastor, unha das súas máis estreitas colaboradoras, no que será un dos principais actos de campaña da actual presidenta do Congreso.