Marín abre o proceso de selección de dous funcionarios interinos para o seu Programa Integrado de Emprego

Marín
29 de novembro 2024

As bases da convocatoria, que se publicarán no Boletín Oficial da Provincia, están dispoñibles na sede electrónica do Concello de Marín

Edificio do Concello de Marín
Edificio do Concello de Marín / Daniel Santomé

O Concello de Marín abriu o proceso de selección para contratar dúas persoas que realicen accións de orientación, prospección laboral e sensibilización dentro do Programa Integrado de Emprego 2024-2025.

Trátase de dous postos de funcionariado interino, ambos os dous con categoría de técnicos, sendo as súas retribucións ás dun funcionario do Grupo A, subgrupo A2.

Os contratos terán carácter temporal, a xornada completa, durante o tempo que dure o Programa Integrado subvencionado pola Consellería de Emprego, é dicir, até o 30 de setembro de 2025.

As bases da convocatoria especifican funcións a realizar como o deseño, seguimento e execución de accións de intermediación para as persoas participantes; realizar o acompañamento aos itinerarios individualizados das mulleres participantes no programa; analizar o mercado laboral e captar ofertas, intermediar con empresas e administracións ou xestionar ofertas laborais.

Esíxese contar cunha titulación universitaria.

O sistema de selección será a través dun concurso-oposición.

Ademais do concurso de méritos, as persoas aspirantes terán que expor ante un tribunal un programa integrado de emprego deseñado por eles mesmos, cunha duración de 9 meses e cuxo ámbito territorial de acción sexa Marín e a comarca.

As bases da convocatoria, que se publicarán no Boletín Oficial da Provincia, están dispoñibles na sede electrónica do Concello de Marín.