Marín acolle a celebración do Día da Policía Local

Marín
24 de maio 2022

O corpo de seguridade da vila decidiu conmemorar este día en compañía das Policías Locais do Morrazo, co obxectivo de que esta celebración sexa rotatoria polos distintos concellos

Celebración do Día da Policía Local dos concellos do Morrazo
Celebración do Día da Policía Local dos concellos do Morrazo / Concello de Marín

O Museo Municipal Manuel Torres acolleu este martes un emotivo acto para conmemorar o Día da Policía Local, no que o corpo de seguridade de Marín englobou aos do resto do Morrazo: Bueu, Cangas e Moaña. 

Ao acto, asistiron axentes e familiares das catro Policías Locais, así como a alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a de Moaña, Ledicia Costas; o xefe da Policía Nacional de Marín, Javier Fos; o xefe do posto da Garda Civil de Marín, Diego González; os xefes das Policías Locais dos concellos e Benito Calviño, en representación da Autoridade Portuaria.

Para abrir o acto, interviu o xefe da Policía Local, Benigno Blanco Area, e proxectouse un vídeo cunha recompilación de actuacións de axentes dos distintos corpos da Policía Local do Morrazo. O obxectivo é que cada ano esta data poida ser conmemorada de xeito rotatorio entre os catro concellos.

O evento tamén serviu para parabenizar a aqueles que fan posible que Marín sexa un espazo seguro. Por unha banda, entregouse un distintivo aos voluntarios de Protección Civil de Marín. 

Asemade, desde a Policía Local quixeron felicitar de xeito público a Dimas Calvar Lorenzo e a Pedro Martínez Graña, dous nenos que prestaron especial colaboración e apoio nun dispositivo de búsqueda dunha persona desaparecida, con conclusión positiva.

Por outro lado, entregouse tamén un diploma aos axentes Salvador Montes López e a Xacobe Melón Ballesteros pola súa actuación en acto de servizo con notoria implicación, excedendo incluso o seu compromiso asignado en toma de posesión como funcionario público, poñendo en risco a súa propia integridade física.

Finalmente, entregáronse placas conmemorativas aos axentes que se xubilaron este ano. Para finalizar o acto, interviñeron a alcaldesa de Marín e a de Moaña.