Marín adxudica a renovación e mellora do alumeado público no lugar de Castro

Marín
10 de maio 2021

O Concello de Marín levará a cabo unha renovación e mellora da instalación do alumeado público exterior no lugar de Castro. Suporá unha inversión de 53.530 euros

Lugar de Castro, en Marín
Lugar de Castro, en Marín / Concello de Marín

O Concello de Marín levará a cabo unha renovación e mellora da instalación do alumeado público exterior no lugar de Castro.

Trátase dunha "actuación moi necesaria", segundo fontes do goberno local, dado que é importante reforzar este servizo naqueles lugares onde a instalación estea máis deteriorada e de tal xeito que se siga traballando na estratexia de renovación de luminarias que se está levando a cabo en todo o municipio.

A actuación resultou adxudicada á empresa Vilela Electricidad, por un orzamento de 53.530 euros, financiado a través dunha baixa do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A empresa terá un prazo de 45 días para a elaboración dos traballos.

Esta obra suporá unha mellora da eficiencia enerxética de toda a instalación, substituíndo as fontes de luz actuais por luminarias de tecnoloxía LED. Tamén se renovarán todos os brazos metálicos xa existentes, e que se atopan nun avanzado estado de deterioro, e o cableado.

Ademais reforzarase a dotación deste servizo coa colocación de novos puntos de luz, que terán poste, brazo e luminaria.