Marín afronta o aumento da subministración eléctrica: de 600.000 euros anuais a 700.000 euros en seis meses

Marín
09 de febreiro 2024

Aprobouse en pleno un recoñecemento extraxudicial de crédito para axilizar o pago de facturas de servizos, subministracións e horas do último trimestre de 2023

Centro urbano de Marín
Centro urbano de Marín /

O Concello de Marín aprobou na última sesión plenaria un recoñecemento extraxudicial de crédito para axilizar o pago de facturas pendentes correspondentes a servizos, subministracións e horas do útimo trimestre de 2023, cuxo resultado final incrementouse de forma notable por mor da inflacción.

Manuel Santos, concelleiro de Facenda, sinalou que "se fixo un gran esforzo desde o equipo de goberno e os servizos técnicos municipais para sacar adiante este expediente que permite pagar facturas a provedores e ir axilizando os pagos da subministración eléctrica".

E é que a alza que o prezo da luz estivo a experimentar durante o ano pasado conlevou "quebradizos económicos" ao goberno marinense. Como claro exemplo: neste expediente levan preto de 700.000 euros que corresponden á segunda metade de 2023, mentres que o gasto anual que viñan soportando con anterioridade era de 600.000 euros.

No citado expediente tamén se inclúen os gastos que se abonan á empresa concesionaria da piscina municipal durante o tempo que estiveron pechados por execución de obras de reforma. Gastos que inclúen nóminas e seguros sociais dos traballadores, e dos que se fixo cargo o Concello desde que venceu o expediente de regulación temporal de emprego.