Marín agarda rematar en catro meses a humanización da Rúa do Forte

Marín
07 de setembro 2023

Mellorar a conexión do centro urbano co litoral. Ese é o obxectivo da humanización da Rúa do Forte, na que o Concello de Marín investirá case 292.000 euros. As obras, que teñen un prazo de execución de catro meses, serán executadas pola empresa Construcciones Fechi

Rúa do Forte, Marín
Rúa do Forte, Marín /

Mellorar a conexión do centro urbano co litoral. Ese é o obxectivo da humanización da Rúa do Forte, na que o Concello de Marín investirá case 292.000 euros.

As obras, que teñen un prazo de execución de catro meses, serán executadas pola empresa Construcciones Fechi, despois de que a mesa de contratación analizara ata oito ofertas.

Esta actuación permitirá reordenar todo o espazo do viario que discorre pola marxe dereita da Rúa do Forte, entre a entrada principal da Escola Naval Militar ata a porta do pavillón do centro castrense, mellorando a accesibilidade e a mobilidade da vía, apostando pola sostibilidade. 

O proxecto recolle a eliminación dun dos carrís de circulación da calzada para crear un carril bici separado do tráfico rodado e anchearase a beirarrúa para adaptala aos estándares de accesibilidade.

Nos espazos nos que non sexa posible ter ese carril bici separado da beirarrúa, habilitarase unha zona de convivencia entre os peóns e as bicicletas debidamente sinalizada. 

Ademais, inclúese a repavimentación da calzada e a instalación de pasos de peóns elevados para mellorar a seguridade viaria. Actuarase tamén no alumeado público, eliminando os puntos de luz actuais e substituíndoos por 11 de tecnoloxía LED, para fomentar a eficiencia enerxética.

Con esta obra aproveitarase tamén para renovar a rede de saneamento da propia Rúa do Forte.