Marín analiza con Medio Ambiente como mellorar o saneamento da ría

Marín
21 de febreiro 2017

Medio Ambiente estudará a posibilidade de realizar novas actuacións en Marín en materia de saneamento para mellorar o estado da ría. Así llo trasladou a conselleira Beatriz Mato á alcaldesa do municipio, María Ramallo, na reunión de traballo que ambas mantiveron este martes en Santiago de Compostela

Reunión entre Beatriz Mato e María Ramallo en Santiago
Reunión entre Beatriz Mato e María Ramallo en Santiago / Xunta de Galicia

Medio Ambiente estudará a posibilidade de realizar novas actuacións en Marín en materia de saneamento para mellorar o estado da ría. Así llo trasladou a conselleira Beatriz Mato á alcaldesa do municipio, María Ramallo, na reunión de traballo que ambas mantiveron este martes en Santiago de Compostela.

A titular de Medio Ambiente afirmou que, unha vez estean redactados todos os proxectos, os técnicos da consellería estudarán o seu contido para priorizar aquelas actuacións que se consideren máis efectivas.

Estes traballos sumaríanse aos 2,3 millóns de euros investidos no saneamento rural de Marín ou os case 200.000 euros que se destinaron á rede de sumidoiros de San Tomé-Coto.

Neste sentido, xa están adxudicadas as obras do colector xeral e, segundo o Concello, aínda están pendentes deste trámite as do bombeo do río Lameira.

Ademais, Beatriz Mato trasladou á alcaldesa que a Xunta tamén estudará realizar obras para mellorar o estado de diferentes rúas do municipio, igual que no 2016 se incluíu o proxecto de reforma da travesía de Jaime Janer.

Así, Marín propuxo melloras na rúa Concepción Arenal, concretamente nos tramos de Cantodarea, desde José Trasande ata o límite con Pontevedra; e nunha segunda fase ata as coñecidas áncoras.

Esta nova actuación estaría enmarcada no denominado Plan hUrbe, que ten como obxectivo fomentar a humanización das vilas galegas e mellorar os espazos e os equipamentos públicos. En 2017, investiranse en toda Galicia preto de 10 millóns de euros.

O Concello comprometeuse a remitir a información e o proxecto necesario para que o goberno galego poida analizar esta solicitude.