Marín busca financiamento para a segunda fase de mellora da estrada de acceso a Pastoriza

Marín
07 de marzo 2025

O Concello solicitou unha subvención de 39.000 euros á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. O novo proxecto contempla a ampliación da calzada en puntos conflitivos e a mellora da drenaxe

Acceso a Pastoriza Concello de Marín

O Concello de Marín avanza na rehabilitación de infraestruturas viarias rurais.

Nesta ocasión, o goberno local puxo en marcha a segunda fase do proxecto de mellora da estrada de acceso a Pastoriza, unha vía que consideran unha "prioridade" nos investimentos no rural.

Tras a execución da primeira fase o pasado ano, redactaron un novo proxecto técnico que contempla a rehabilitación do firme, a ampliación da calzada en puntos conflitivos e a mellora da drenaxe.

O obxectivo destas actuacións é garantir a durabilidad e seguridade da vía, facilitando o acceso tanto para vehículos agrícolas como para residentes e visitantes.

O proxecto conta cun investimento de case 39.000 euros solicitado á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a través do Plan Camiña Rural 2025-2026.

Inclúe a eliminación parcial da capa existente do firme, a súa reposición con mestura bituminosa, a ampliación da calzada a un mínimo de 5 metros (chegando a 6 metros en curvas) e a mellora da drenaxe mediante a apertura de cunetas, pavimentación de tramos e instalación de drenaxes.

Desde o Concello sinalan que estas melloras non só aumentarán a seguridade viaria, facilitando o cruzamento de vehículos e mellorando a visibilidade, senón que tamén preservarán o firme da calzada, alargando a súa vida útil e evitando a contaminación do solo e as augas subterráneas.

O proxecto foi deseñado cumprindo estritamente a normativa vixente, incluíndo o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).