Marín cancela por segundo ano a súa Festa Corsaria, quedando reducida a unha feira de artesanía

Marín
02 de agosto 2021

O Concello de Marín confirmou este luns a suspensión da Festa Corsaria ao entender que na situación actual resulta moi complicado levar a cabo con seguridade un evento desas características

VII Festa Corsaria de Marín
VII Festa Corsaria de Marín / Diego Torrado

O Concello de Marín confirmou este luns a suspensión da Festa Corsaria, que non se celebrará este ano 2021.

O goberno local toma esta decisión ao entender que na situación sanitaria actual resulta moi complicado levar a cabo con seguridade un evento desas características.

O único que si se manterá será a feira de artesanía que acompañaba ás xornadas festivas, e que se colocará na Alameda a fin de semana do 13 ao 15 de agosto.

A pesar da cancelación, o Concello colocará elementos decorativos simbólicos en puntos céntricos da vila co obxectivo de manter vivo o espírito da Festa Corsaria, que todos esperan poder recuperar o próximo ano.

É o segundo ano consecutivo que a pandemia impide a celebración desta festa popular.