Marín cifra en 82.000 euros o impacto no comercio local da súa campaña de dinamización

Marín
20 de xaneiro 2021

Este cáculo realizábase tras a comprobación dos tickets achegados ao sorteo de 100 tarxetas regalo por valor de 50 euros e que forman parte da campaña 'Apoiar o noso', promovida polo Concello de Marín para promocionar o consumo no comercio e a hostalería locais

Entrega das tarxetas regalo da campaña 'Apoiar o noso'
Entrega das tarxetas regalo da campaña 'Apoiar o noso' / Concello de Marín

O Concello de Marín desenvolveu durante as últimas semanas unha campaña de dinamización directa do consumo baixo o lema 'Apoiar o noso'. Dentro das actividades, promoveuse o sorteo de 100 tarxetas regalo por valor de 50 euros entre a veciñanza que realizase compras superiores a 30 euros nos establecementos comerciais e de hostalaría da vila.

Este luns 18 celebrábase o sorteo das tarxetas. Trala comprobación de todos os tickets presentados para constatar que cumprían as normas do concurso, o Concello fixo un cálculo polo que estima que o impacto na economía local da campaña foi de 82.000 euros.

"Estamos moi satisfeitos cos resultados desta campaña, que é a primeira que se fai destas características e na que a veciñanza volcouse para apoiar o noso. Diciamos na presentación da campaña que Marín precísanos a todos máis ca nunca e a nosa sociedade demostrou que está presente e que pon o seu grao de area para saír desta situación tan complexa", afirmou a concelleira de Festas, Marián Sanmartín.

A edil estivo acompañada pola concelleira de Comercio, Cristina Acuña, na súa visita á Oficina da Praza de España na que os gañadores poderán recoller as tarxetas regalo este mércores e mañá xoves en horario de 11.30 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 horas, presentando o seu DNI.

En total, foron 1.800 os participantes que achegaron conxuntos de tickets superiores a 30 euros (nalgúns casos con compras moi superiores a ese importe) durante o tempo que durou a campaña. Agora, tal e como explica a concelleira, "os gañadores terán ata o sábado 27 de febreiro para facer uso das súas tarxetas, que só serán válidas nos establecementos comerciais e hostaleiros de Marín".

ANUNCIO DE NOVAS CAMPAÑAS

Ante a boa acollida que tivo esta campaña, o Goberno local anuncia que se realizarán máis iniciativas de incentivación do consumo para seguir axudando á economía local. Estas novas campañas terán sempre como fío condutor a Marín en Rede, a plataforma de visibilidade e dixitalización da economía local, na que se poden consultar todos os establecementos da vila a tan só un click.

Por outra banda, o Concello segue a traballar no Plan Reactiva Marín, un proxecto no que se investirán máis de 80.000 euros e a través do cal máis de 30 negocios da vila que teñan interese en participar do proxecto e que cumpran os requisitos poderán gozar de bonos de 45 horas de formación en distintas disciplinas.