Marín concede preto de 22.000 euros en axudas ás ONG

Marín
13 de setembro 2023

Esta contía sae tanto das subvencións nominativas, que este martes foron rubricadas entre os representantes das entidades e a alcaldesa, María Ramallo, así como do resto de gastos de colaboración que se invisten en actividades para recadar fondos

Sinatura das axudas municipais ás distintas asociacións benéficas
Sinatura das axudas municipais ás distintas asociacións benéficas / Concello de Marín

A colaboración do Concello de Marín coas organizacións non gubernamentais (ONG) adicadas á atención social e a solidariedade no municipio é un traballo constante que se fai ao longo do ano, tanto no que respecta ao apoio económico como na coordinación do seu labor grupal.

A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, mantivo unha reunión este luns coas principais asociacións benéficas da vila, que volveron polo Concello para ser recibidas pola alcaldesa, María Ramallo, e así poder asinar os convenios das subvencións nominativas que se lle dan cada ano. 

O reparto é o seguinte: a Asociación Española Contra o Cancro, 5.000 euros; a Asociación Sor Elvira, 3.000 euros; Amor En Acción (Amenac), 3.000 euros; Cáritas diocesana Santomé, 1.000 euros e o Comedor Social de Marín, 5.000 euros.

Ademais desta axuda directa que perciben, repártense gastos que asume o Concello relacionados coas distintas campañas para propiciar a captación de fondos para as entidades, como son as chocolatadas e as campañas de agasallos do Nadal, así como unha asignación que se lles dá nestas datas para adquirir alimentos no supermercado.

En total, esa contía ascende a 9.950 euros, que sumado ao que se inviste nas subvencións nominativas fai un total de 21.950 euros cos que se trata de apoiar o labor que realizan estas organizacións solidarias. 

Entre as cuestións que os representantes das ONG trataron coa alcaldesa e a concelleira destaca a petición de que as familias que son usuarias das entidades renoven os seus datos en servizos sociais, co obxectivo de que non se dean duplicidades e que a atención social que se lles facilita estea o máis acorde posible á súa situación actual.

Por outro lado, tamén reflexionaron sobre como notan a tremenda inflación que a día de hoxe afecta aos prezos da cesta da compra.

De cara aos últimos meses do ano, xa teñen previstas cales serán as accións a desenvolver en colaboración co Concello para así poder seguir traballando cóbado con cóbado.