Marín consolida a súa rede de colonias felinas con máis de 170 animais rexistrados

Marín
28 de xullo 2026

O programa inclúe a esterilización, vacinación, desparasitación e colocación de chips, así como a atención veterinaria básica e de urxencia en gatos atropelados ou con outras incidencias

Gatos abandonados en Pontevedra Difusión Felina - Arquivo

"Balance positivo" en Marín tras implantar o programa municipal de control etico de colonias felinas mediante o método CER (Captura, Esterilización e Retorno), en colaboración coa Deputación de Pontevedra.

A concelleira Mónica Viqueira visitou este luns a colonia felina de Méndez Núñez-Fondo do Saco, unha das que xa conta co panel informativo, para facer balance do programa e explicar as seguintes fases.

Desde a súa posta en marcha, fíxose o esterilizado, vacinado, desparasitado e chipeado de 171 gatos e gatas comunitarios, permitindo avanzar de maneira decisiva no control da poboación felina do municipio.

O programa inclúe tamén a atención veterinaria básica e de urxencia, como poden ser gatos atropelados ou con outras incidencias.

Outro dos alicerces é a alimentación controlada, distribuíndo ao longo deste período un total 765 quilos de penso entre as persoas coidadoras autorizadas.

A concelleira Mónica Viqueira visita a colonia felina de Méndez Núñez-Fondo do SacoConcello de Marín

Así mesmo, instaláronse elementos de refuxio na colonia de Fondo do Saco, unha medida que o goberno local prevé estender progresivamente a outros puntos do municipio para mellorar o benestar animal, a salubridade e a contorna.

Na actualidade, Marín conta con 23 colonias felinas rexistradas, que están a ser identificadas con novos paneis informativos.

Estes carteis lembran que os animais están sometidos a control continuo mediante o método CER, está prohibido causarlles dano, retiralos ou abandonar novos exemplares.

Tamén se establece que a alimentación só pode ser realizada por persoas acreditadas nos puntos autorizados.

"É fundamental que cada colonia siga unhas normas para garantir o benestar dos animais, a limpeza e a convivencia", subliñou Viqueira.

Así mesmo, a edil convidou as persoas interesadas a sumarse ao programa como colaboradoras a través do correo municipal alcaldia@concellodemarin.es, á vez que puxo en valor o papel do voluntariado xa que "nada disto sería posible sen o seu compromiso e dedicación".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora