Marín convoca mesas de participación para avanzar no plan de protección do Casco Vello e Cantodarea

Marín
06 de marzo 2026

Con estas xornadas o Concello quere escoitar aos sectores implicados para asentar as bases de mellora e conservación dos barrios. As sesións celebraranse no Museo Torres

Convocatoria de participación pública Concello de Marín

O Concello de Marín convocou diversas mesas de participación pública para poder seguir avanzando no Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do Casco Vello e o Barrio de Cantodarea.

Despois de contactar cos grupos políticos da Corporación Municipal, estas xornadas pretenden escoitar a veciños e sectores implicados para asentar as bases de mellora e conservación dos barrios.

As sesións celebraranse no Museo Torres.

A primeira será o 11 de marzo ás 19:00 horas e reunirá á veciñanza e persoas propietarias do Casco Vello e de Cantodarea.

Na xornada explicaráselles o marco normativo dos barrios, os obxectivos da rehabilitación e limitacións do centro histórico.

Despois, as persoas asistente dividiranse por zonas para identificar problemas e propor de maneira común as solucións.

O 12 de marzo haberá dúas sesións. Unha ás 09:30 horas dirixida a asociacións comerciais, hostaleiros e negocios e outra, ás 12:00 horas, de mobilidade dirixida a Policía Local e transportistas.

A mesa de cos axentes da construción será ao día seguinte, o 13 de marzo, ás 09:00 horas, onde se reunirán o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), promotoras, construtoras e a Área de Urbanismo.

Desde o Concello sinalaron que a participación de todos os axentes é "clave" para garantir un desenvolvemento que respecte tradición e fisionomía local.