Marín despacha o 80 % das entradas para a verbena do día 19 nunha mañá

Marín
10 de xuño 2021

Os organizadores do evento, xunto con representantes do goberno local e da Policía Local, visitaron este xoves o recinto para comprobar o cumprimento de todas as medidas de seguridade

Os marinenses reservan entradas para a proba piloto das verbenas
Os marinenses reservan entradas para a proba piloto das verbenas / Concello de Marín

Este xoves abriuse o prazo para a reserva de entradas para a proba piloto das verbenas, que se celebrará de forma simultánea en diversos  concellos de Galicia e que traerá a Marín á orquestra Marbella o día 19 ás 21 horas. En cuestión de horas, reserváronse máis de 800 pases cos que o aforo, de 1.000 persoas, está xa case completo. 

Ao mesmo tempo, no Concello tivo lugar este xoves unha reunión para coordinar o dispositivo de seguridade do evento. A alcaldesa María Ramallo, xunto cos  concelleiros Manuel Santos e Marián Sanmartín, ademais de responsables da empresa encargada de organizar o concerto encargáronse de revisar o recinto e a capacidade das entradas e saídas para que se cumpran todas as medidas de seguridade.

Aínda así, as autoridades reiteran a súa petición de colaboración á cidadanía e lembran a necesidade de reservar a entrada con anterioridade para poder acceder.

O aparcamento da Praza de España, na que se celebrará a verbena, debe quedar libre de coches o día 18 a partir das 15 horas.