Como marca a tradición, días antes de que a nova fornada de garda mariñas termine a súa formación na Escola Naval, Marín despediunos con honras.
Nunha recepción que se desenvolveu no salón de plenos, a alcaldesa, María Ramallo, convidounos a que "volvan sempre que queiran a Marín".
Todos eles, 126 alumnos e alumnas, dirán adeus á Escola Naval tras catro anos dunha intensa formación académica e militar.
Unha despedida que, segundo Ramallo, non é tal, "porque agora estaredes pendentes dos vosos destinos, pero vaiades onde vaiades, anímovos a que veñades de novo a Marín, onde sempre estaremos encantados de recibirvos".
O Día do Carme, o vindeiro xoves 16 de xullo, este alumnado recibirá os tradicionais reais despachos, unha gradación que estará presidida polo rei Felipe VI.

A partir de aí comezará a súa traxectoria como oficiais da Armada española.
A alcaldesa destacou a importancia da sinerxía que se crea entre a que denominou como "a nosa universidade" e a propia vila marinense.
Ramallo desexou aos futuros garda mariñas "a mellor das sortes" nesta nova etapa "onde parte da defensa do noso país queda nas vosas mans".
Ao finalizar a recepción municipal, o pelotón fíxose a tradicional fotografía de grupo na escalinata do Concello, catro anos despois da primeira instantánea que retrataba o inicio do seu paso por Marín.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.