Un espectáculo corsario desembarcou este luns na Alameda Rosalía de Castro onde os espectáculos aéreos e o lume foron os protagonistas para promocionar unha nova edición da Festa Corsaria, que encherá as rúas e prazas de Marín durante o venres 15 e o sábado 16 de agosto.
A presentación tivo lugar ás 12.00 horas e nela participaron os nenos dos campamentos de conciliación, as asociacións vinculadas coa festa e as autoridades, entre as que estaban a alcaldesa, María Ramallo; os concelleiros Manuel Santos e Marián Sanmartín, e o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, xa que se trata dun evento financiado a través dunha das liñas do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra.
Esta será "unha das edicións máis ambiciosas de todas", declarou a alcaldesa, "xa que contamos cunha programación completísima, de todo o día, e que permitirá desfrutar desta festa a todas as persoas, de distintas idades".
Ademais, en canto á autorización de mesas para comidas e ceas, tamén será unha edición récord, con 60 peticións autorizadas.
A alcaldesa tamén quixo poñer de relevo e agradecer a implicación das asociacións que forman parte da programación "así como a aportación económica da Deputación, que nos permite facer cada vez a festa máis grande".
Por outro lado, a Policía Local informa de que será habilitado nunha zona do interior do Porto un aparcadoiro exclusivo para as persoas que teñen garaxes que se ven afectados pola limitación da festa. O parking terá o seguinte horario: venres, de 15.00 a 23.00 horas; sábado, de 10.00 a 01.00 horas e domingo de 10.00 a 15.00 horas. Para poder ter a acreditación de acceso, será preciso pasar pola Policía Local a recollela.
A programación comeza este venres, 15 de agosto, ás 19.00 horas coa apertura do Mercado Corsario na Alameda e tamén das atraccións infantís nese mesmo espazo e na Praza 8 de Marzo e Parque Eguren.
Haberá animación de Litore Lux polas rúas de Marín e pasarrúas musical con Kaltee e Gaeloc. Ás dez da noite comezará o desfile e arribada da bandeira inglesa e ás 22.30 horas será o concerto de Son das Tabernas, na Alameda.
Xa o sábado, 16 de agosto, comeza a xornada ás 11.00 horas cos pregoeiros e fanfarrias do século XVIII, o Mercado Corsario, as atraccións infantís e a apertura das bases mariñas: Barco Corsario Gago de Mendoza (Jaime Janer, fronte a Abanca) e Barco Inglés (Ezequiel Massoni, xunto ao Parque Eguren).
Tamén haberá unha Granxa Escola na rúa Augusto Miranda e demostración de oficios mariñeiros na Praza do Peirao Vello (Museo), Rúa do Sol, Praza 8 de Marzo, Praza da Veiguiña, Méndez Núñez (detrás do Concello). Ademáis de obradoiros de esgrima, no Parque Eguren, de tiro con arco, na Avenida de Ourense e exhibición de aves.
Non faltará a animación de rúa, con Batucada Axé Bahía, Batucada Maracumbé, Charanga Noroeste, Charanga Jalácticos, Batucada ADR, Batucada Rebumbio, Animación Litore Lux, Kaltee e Gaeloc.
A programación da festa tamén inclúe xogos tradicionais, actuación do Fakir Testa, bailes, un concerto de Leirabuxo e outro de Belle Pop, e teatro antes de rematar ás 23.00 horas co espectáculo Mil e Unha Noites e a tirada de fogos de artificio na Praza de España. Dende a media noite e ata ben entrada a madrugada haberá animación musical con DJs.