Marín está xa ás portas do que adoita ser un dos seus días grandes, a festividade de San Miguel, e a proximidade da celebración xa se deixa notar nas rúas da localidade, que se engalanaron para a ocasión.
As rúas xa están esta fin de semana engalanadas con fitas de cores pendurando dos farois e con cubos cheos de información divulgativa sobre a festa e a súa popular Danza das Espadas a modo de exposicion temporal.
Este ano marinenses e visitantes quedarán sen gozar da tradicional Danza das Espadas e sen o resto das celebracións, pois a festa de San Miguel non se vivirá na rúa, senón máis no mundo on line.
O martes, 29 de setembro, propio día de San Miguel, haberá oficio relixioso, pero o resto dos actos previstos suspendéronse polas medidas restritivas derivadas da pandemia da Covid-19.
No mundo dixital, o Concello procederá á publicación dun vídeo nas canles de comunicación oficiais sobre a historia da Danza das Espadas e da tradición do San Miguel.
O vídeo conmemorativo ofrecerá entrevistas cos principais protagonistas do día, Lois González Dopazo como presidente do Ateneo Santa Cecilia e Antonio Caíña e Sergio Santiago como representantes dos dous grupos de danzantes que este ano non poderán realizarr a súa interpretación desta tradición tan arraigada na vila.