O pleno da Corporación de Marín recoñeceu unha débeda con Pontevedra de 800.000 euros polo abastecemento de auga e aprobou un primeiro pagamento de 225.000 euros. O diñeiro procede dos remanentes de tesouraría do pasado exercicio.
O concelleiro de Facenda, Manuel Santos, asegura que "en xaneiro de 2015 como moi tarde", se acometerán os pagamentos restantes.
Ademais, a alcaldesa María Ramallo presentou unha moción de apoio ao Porto de Marín "como parte indisoluble do seu territorio". A proposta pillou por sorpresa aos grupos da oposición polo que houbo que suspender o pleno para poder valorala dende cada grupo e posteriormente celebrouse unha Xunta de voceiros.
Despois de case 45 minutos, o Pleno continuou e a proposta foi votada co apoio unánime de todos os grupos.