marinturismo.es. É o portal que vén de estrear Marín para promocionarse a través da internet e das novas tecnoloxías.
Será, segundo destacou a alcaldesa de Marín, María Ramallo, unha páxina web "moderna, posicionada e chea de contido de calidade".
"Servirá como unha auténtica xanela dixital para quen nos visita ou está pensando visitarnos", subliñou a rexedora, que estivo acompañada da concelleira Cristina Acuña.
Costa, espazos verdes, patrimonio cultural, arte rupestre, rutas ou sendeiros son algunhas das categorías que pode atoparse a persoa que consulta esta web, que xa está en liña.
O portal ofrece, ademais de fichas de cada un dos atractivos turísticos que ten a vila, propostas de plans en función dos gustos ou do tempo de estancia da persoa visitante.
Incorpora tamén funcións de realidade virtual como o Virtual Map, que permite facer literalmente un paseo virtual pola vila, parándose nas explicacións dos lugares que máis nos interesan.
En galego, español e inglés, a web subirá con recurrencia artigos ao blog para ofrecer información de calidade sobre as tradicións, as posibilidades de visita ou a cultura típica de Marín e contará cunha axenda de eventos actualizada.
Con esta ferramenta, o goberno municipal trata de posicionar a Marín como un municipio "punteiro" dentro das Rías Baixas, "sempre baixo a lupa da sostibilidade e o turismo de aventura, deportivo e respectuoso co medio ambiente que define ao modelo local".
Este xa era un dos obxectivos a cumplir dentro do contrato para a creación da oficina virtual de turismo, que se engloba do plan de sustentabilidade turística.
A partir dos próximos meses, tamén se continuará mellorando o destino coa instalación in situ de novas balizas en cada elemento, que servirán como nova sinalización, poñendo o nome do mesmo e recollendo un código QR que levará directamente á ficha incluída nesta web.