Marín estrea a reforma do pavillón da Cañota

Marín
04 de febreiro 2025

O presidente da Deputación, Luis López, e a alcaldesa de Marín María Ramallo, comprobaron o remate dunhas obras que melloran a imaxe, a accesibilidade e a eficiencia enerxética destas instalacións

Inauguración da reforma do Pavillón da Cañota
Inauguración da reforma do Pavillón da Cañota / Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, inaugurou este martes a mellora da imaxe, accesibilidade e eficiencia enerxética do pavillón deportivo da Cañota, en Marín, froito da colaboración entre as administracións provincial e municipal cun investimento total de 660.000 euros.

O mandatario provincial, xunto coa alcaldesa e deputada María Ramallo, visitou esta instalación, unha das máis usadas por distintos clubs deportivos da vila, cuxos representantes tamén participaron neste acto.

"Hai pouco máis dun ano estabamos neste mesmo pavillón para presentar o proxecto de mellora. Hoxe, catorce meses despois, estamos novamente aquí para comprobar que cumprimos co noso compromiso, que é mellorar esta instalación deportiva, cumprir co proxectado en tempo e forma e colaborar co Concello para ofrecer á veciñanza uns servizos de primeira", afirmou o presidente da Deputación.

A obra, rematada antes da data de expiración do convenio, que era o 30 de abril, consistiu nunha tripla intervención.

Por un lado, repuxéronse as carpinterías exteriores, instaláronse paneis solares e actuouse na cuberta e na fachada para mellorar o illamento térmico.

Por outro, procedeuse á substitución das tres portas de acceso ao pavillón para facelas máis seguras e accesibles, ao tempo que se mellorou a conexión do inmoble coa rúa.

Así mesmo, levouse a cabo unha homoxeneización dos acabados cuns materiais sinxelos, limpos, duradeiros e de fácil mantemento para facelo máis harmonioso coa contorna.

Inauguración da reforma do Pavillón da Cañota
Inauguración da reforma do Pavillón da Cañota    Deputación de Pontevedra

Esta reforma integral que supuxo o investimento de 660.000 euros a través do programa provincial PON2030, dos que a Deputación achegou o 70 %, uns 460.000 euros; e o Concello os 200.000 euros restantes.