Marín estuda a construción dun aparcadoiro subterráneo de dúas prantas no Parque Eguren

Marín
04 de decembro 2021

O Proxecto MARES (Marín Estacionamento) continúa coa súa expansión buscando ofrecer diferentes alternativas á vila para poder asumir a carga de turismos que circulan. É por iso que o Concello quere engadir a construción dun aparcadoiro subterráneo no Parque Eguren

Os concelleiros Manuel Santos e Francisco Salazar
Os concelleiros Manuel Santos e Francisco Salazar / Concello de Marín

O Proxecto MARES (Marín Estacionamento) continúa coa súa expansión buscando ofrecer diferentes alternativas á vila para poder asumir a carga de turismos que circulan.

É por iso que, á habilitación dos aparcadoiros gratuítos en distintos puntos do centro urbano e á posta en marcha da Zona 2H nas rúas con maior rotación de turismos, o Concello quere engadir a construción dun aparcadoiro subterráneo no Parque Eguren.

Os concelleiros de Urbanismo, Manuel Santos, e de Tráfico e Mobilidade, Francisco Salazar, estiveron esta semana analizando o estudo de viabilidade económico-financeira para a creación desta infraestrutura "que consideramos vital para Marín e que mellorará sustancialmente o estacionamento, ao ofrecer unha alternativa que ata o momento non existe no municipio", explican os edís.

Este estudo é un trámite que deben realizar antes de iniciar o proceso de licitación. No documento recollen que a explotación do servizo do aparcadoiro realizaríase a través dunha concesión, calculada para unha duración de 40 anos.

Una vez realizadas as análises pertinentes, proxectan que o aparcadoiro teña dúas prantas. A primeira delas, con entrada e saída da Rúa Concepción Arenal, e con 104 prazas. A segunda, estaría conectada á superior
cunha rampa e nela ubicaríanse 114 prazas, polo que en total, a capacidade do aparcadoiro sería de 218 prazas, estando 7 delas reservadas para usuarios con mobilidade reducida.

Aínda que o estudo de demanda que realizaron previamente xustificaría a creación dun aparcadoiro de maiores dimensións, o informe xeotécnico declina esta posibilidade, debido aos problemas construtivos que se poderían dar nese terreo no caso de facer unha pranta máis.

No estudo realizado para avaliar as necesidades da poboación, destaca que hai un interese xeral por ese aparcadoiro, especialmente de cara a poder alugar unha praza ou poder beneficiarse de bonos cos que deixar o vehículo estacionado.

Desde o Concello aseguran que "seguiremos avanzando neste proxecto, para poder iniciar o proceso burocrático de cara á adxudicación das obras e así poder dotar a Marín dun servizo básico, que mellorará a nosa mobilidade e o estacionamento". A inversión prevista para este aparcadoiro é de 5.388.704,28 euros.