Marín fai un balance "moi positivo" das festas de Nadal

Marín
09 de xaneiro 2023

O prazo para participar no sorteo de 100 tarxetas regalo por valor de 50 euros manterase aberto ata o día 15 de xaneiro

Iluminación de Nadal en Marín 2022
Iluminación de Nadal en Marín 2022 / Concello de Marín

“Un Nadal espectacular, no que o pobo de Marín e visitantes de todas partes da provincia acudiron a desfrutar das nosas actividades”. Así resumía esta mañá o goberno local como se desenvolveron estas datas de Nadal na vila, facendo un balance moi positivo das festas.

Tal e como expresou a concelleira de Festas, Marián Sanmartín, que asegurou que este ano “foi dos mellores que rexistramos no que respecta, por exemplo, ás carpas Engado Marín”. De feito, o mal tempo que noutros sitios supuxo cancelacións de actividades, aquí aínda foi un maior incentivo para acudir ás carpas e desfrutar da programación do Nadal.

Sanmartín quixo agradecer tamén a participación da veciñanza e da hostelería e comercio no III Concurso de Decoración de Nadal, así como a solidariedade de todas as persoas que apoiaron o labor das ONGs, tanto consumindo nas chocolatadas solidarias como na Semana da Solidariedade, na que se recolleron alimentos non perecedoiros e produtos de limpeza para os máis necesitados.

A concelleira agradeceu a todas as entidades culturais e sociais que colaboran na programación de Nadal, conseguindo que Marín teña opcións de ocio e de cultura durante todos os días que duran estes festexos, desde a ponte de decembro ata a chegada do Día de Reis.

Por outra banda, desde o Concello lembran que aínda está activa a campaña de sorteo de 100 tarxetas regalo por valor de 50 euros cada unha coas compras que se realicen no comercio local.

Para participar, é abondo con depositar os tickets de compras superiores a 30 euros no buzón que se atopa na Oficina de Turismo da Praza de España. O día 15 será o último día que se poidan depositar os tickets, para proceder despois aos sorteos dos agraciados.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora