Marín inicia o proceso para a restauración do lavadoiro e a fonte de Mogor

Marín
21 de maio 2022

O obxectivo é desmontar a estrutura da cuberta actual do lavadoiro, así como o seu pilón, para poder cimentar de novo de xeito unitario. Sobre ese espazo, volvería colocarse o lavadoiro e renovaríase toda a cuberta

Lavadoiro de Mogor
Lavadoiro de Mogor / Concello de Marín

O goberno municipal de Marín xa ten en marcha a redacción dos pregos do contrato para iniciar a licitación da restauración do lavadoiro e da fonte de Mogor, unha actuación de mellora que suporá o acondicionamento de toda a súa contorna.

O obxectivo é desmontar a estrutura da cuberta actual do lavadoiro, así como o seu pilón, para poder cimentar de novo de xeito unitario. Sobre ese espazo, volvería colocarse o lavadoiro e renovaríase toda a cuberta.

"En todo momento, restauraranse os elementos catalogados, pero facendo a mínima intervención posible e utilizando técnicas e materiais tradicionais que non afecten á estética", explican desde o executivo local.

No que respecta ao terreo anexo, recuperarase o camiño peonil para que poida servir de fondo ao lavadoiro e á fonte.

Tamén se instalará unha iluminación adaptada e que poida poñer en valor os elementos, destacándoos e dándolles visibilidade, e colocarase mobiliario urbano acorde co lugar.

En total, a superficie sobre a que se intervirá é de máis de 500 metros cadrados e a inversión prevista é duns 115.000 euros, que achegará a Deputación no marco do Plan Concellos.