Marín pechará as praias durante a noite de San Xoán para evitar aglomeracións

Marín
20 de xuño 2020

Ata este sábado xa se aceptaron 98 solicitudes particulares para acender fogueiras e outras 6 para a instalación de fogueiras públicas. No que respecta ás fogueiras públicas, o Concello informa de que terán que cumprir cunha serie de medidas extraordinarias derivadas desta crise sanitaria

Fogueiras de San Xoán
Fogueiras de San Xoán / Diego Torrado

O Concello de Marín asegura que segue traballando para que a tradición popular de San Xoán poida celebrarse de xeito seguro e acorde coas esixencias da 'nova normalidade' derivada da pandemia do coronavirus e, como unha das medidas extraordinarias para garantilo, decidiu que se pecharán as praias durante a noite para evitar concentracións de xente. 

Xa están prohibidas as cacharelas na praia, pero, a maiores, tamén se prohibirán as aglomeracións de persoas que adoitan xerarse nesta noite nos areais de Marín.

Segundo a información oficial facilitada polo Concello, ata este sábado xa se aceptaron 98 solicitudes particulares para acender fogueiras e outras 6 para a instalación de fogueiras públicas.

No que respecta ás fogueiras públicas, as que fan colectivos e asociacións veciñais, o Concello informa de que terán que cumprir cunha serie de medidas extraordinarias derivadas desta crise: unha contorna delimitada, unha entrada e unha saída diferenciadas, aforo limitado, uso obrigatorio de máscaras cando non sexa posible gardar a distancia de seguridade e cumprir as medidas de distanciamento físico entre persoas.

As fogueiras particulares autorizáronse esixindo aos solicitantes ter responsabilidade individual para que na fogueira se cumpran todas as normas relativas a estes festexos e todas as recomendacións de hixiene e de saúde pública. 

Nestas fogueiras estará prohibido levar a cabo cacharelas sobre as vías públicas pavimentadas, sobre xardíns ou zonas verdes e baixo tendidos eléctricos; terán que gardar unha separación mínima de 12 metros lineais coa vexetación, coas casas e cos edificios máis próximos; e a súa altura máxima será de 14 metros e o diámetro da zona de combustión non superará os 6 metros de ancho.

Ademais, para a combustión só poderá empregarse leña, ramas, troncos de árbores ou calquera material de madeira, estará prohibido o uso de materiais inflamables como pneumáticos, plásticos, latas, botellas de vidro ou materiais de PVC e tamén tirar aerosois (aínda que estean baleiros), aceites, líquidos, combustibles ou calquera substancia explosiva.

As persoas que asistan á festa non se poderán situar nunha área de diámetro similar á altura do pau central da cacharela e as persoas organizadoras das fogueiras deberán ter coñecemento dos télefonos de contacto necesarios no caso de que xurda algún accidente. O teléfono de emerxencias é o 112.