Marín pon en valor a importancia económica do porto, que xera o 4,3% do emprego de toda a provincia

Marín
24 de xaneiro 2023

Máis dun cento de empresas desenvolven a súa actividade nos 800.000 metros cadrados que ocupa o Porto de Marín e xeran un impacto de 13.000 empregos, entre directos, indirectos e inducidos. Os datos deunos a coñecer  o concelleiro de Facenda de Marín, Manuel Santos, durante o último Pleno da Corporación e lémbraos este martes o Concello

Imaxe aérea de Marín
Imaxe aérea de Marín / Concello de Marín

Máis dun cento de empresas desenvolven a súa actividade nos 800.000 metros cadrados que ocupa o Porto de Marín e xeran un impacto de 13.000 empregos, entre directos, indirectos e inducidos, o que supón o 4,3% do emprego de toda a provincia. 

Os datos deunos a coñecer  o concelleiro de Facenda de Marín, Manuel Santos, durante o último Pleno da Corporación e lémbraos este martes o Concello. 

O Goberno local sinala que a actividade empresarial en Marín e a súa evolución é un dos eixos nos que traballa para poder facer de Marín un espazo atractivo a nivel laboral e de desenvolvemento económico. 

Tal e como destacan desde o Concello, o traballo moitas veces faise creando unha importante sinerxia co Porto de Marín, "o noso gran motor económico".

En opinión do concelleiro, "non valoramos abondo o que temos no noso Porto". É un firme defensor da pulsión económica e social que cupón contar cunha rada de interese xeral do Estado.

Segundo os datos do INE, no ano 2021 rexistráronse 1.270 empresas en Marín

Agora, coa vista posta en fomentar ese crecemento económico, o Pleno aprobou contactar con Zona Franca para firmar un convenio co que elaborar un estudo técnico no que fixar as liñas mestras que poden axudar á nosa vila a seguir mellorando en crecemento empresarial, diversificando a economía e fomentando unha maior empregabilidade en sectores de todo tipo.