Marín prepara a convocatoria dos campamentos de verán con aforo reducido

Marín
01 de marzo 2021

O Concello aplicará un protocolo para velar polo cumprimento das medidas sanitarias e reducirá a 50 participantes por quincena o campamento do Sequelo, mentres que os do rural terán unha ocupación máxima de 25 por quincena

Festa de Fin dos Campamentos de Conciliación en Marín
Festa de Fin dos Campamentos de Conciliación en Marín

O Concello de Marín ultima estes días o plan de conciliación familiar do próximo verán. O obxectivo é recuperar os campamentos de conciliación tanto no centro urbano como no rural aplicando sempre os protocolos específicos para reducir ao máximo o risco de contaxio por covid-19.

"O noso obxectivo é ter todo preparado para abrir unha convocatoria segura, que se axuste ás condicións actuais e que permita ofrecer este servizo de conciliación tan demandado pola cidadanía e que tan ben funcionou sempre, declarou a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín. 

Haberá convocatorias para os meses de xullo e agosto, pero o número de prazas serán inferiores. No caso do Sequelo, por exemplo, o Concello xa ten decidido reducir en 25 prazas o aforo do campamento, que pasarán a ser de 50 participantes por quincena. No caso dos rurais, a cota será de 25.

Outra novidade será a supresión da festa de fin de campamento que se realizaba cada ano o último día de agosto na que se reunían os participantes de todas as quincenas e as súas familias. 

Os campamentos desenvolveranse de 9 a 14 horas para nenos e nenas de idades de 3 a 12 anos.