Marín presenta os actos do 25N e concederá o Premio Lazo Violeta a Lourdes Broullón

Marín
16 de novembro 2023

A concelleira Mónica Viqueira e a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Marián Sánchez, presentaron este mércores a imaxe da campaña para o Día Internacional Contra a Violencia Machista, da ilustradora Belén Diz, co lema "Non te esquezas de ti"

Presentación do cartel do Día Internacional Contra a Violencia Machista
Presentación do cartel do Día Internacional Contra a Violencia Machista / Concello de Marín

A concelleira Mónica Viqueira e a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Marián Sánchez, presentaron a imaxe da campaña e a programación coa que se conmemorará este ano o Día Internacional Contra a Violencia Machista. 

"Non te esquezas de ti" é o lema escollido para a ilustración feita pola artista marinense Belén Diz, co que se buscou "transmitir unha mensaxe de autoempatía e reforzo da autoestima" para as mulleres vítimas desta lacra social. 

Outra das cuestións que se quixo recoller na imaxe, e que tamén é posto en valor na declaración institucional aprobada no pasado pleno, é o importante traballo que realizan os servizos de asistencia cando se dá un caso de violencia de xénero: os CIM, os departamentos de servizos sociais, as forzas e corpos de seguridade do Estado, os servizos médicos, os xulgados, entre outras entidades. 

"Todos eles están representados nas mans que sosteñen o niño", explicou Sánchez, que á súa vez indicou que as bolboretas son "símbolo de transformación". 

Esta ilustración, ademais de servir como imaxe dos actos deste ano, imprimirase en bolsas de tea que serán repartidas o 23 de novembro a partir das 11.00 horas no entorno da Praza de Abastos. 

ACTO INSTITUCIONAL E PREMIO LAZO VIOLETA 

No que respecta ao 25 de novembro, o acto institucional será ás 12.00 horas no salón de plenos do Concello e nel lerase a declaración institucional, para despois entregar de maneira póstuma o Premio Lazo Violeta a Lourdes Broullón, activista social, presidenta da Asociación Santa María do Campo que formou parte do Consello Municipal da Muller ata o ano 2022.

Ademais, proxectarase o documental "As mulleres como motor de cambio", no que se amosarán exemplos de mulleres marinenses como referentes da súa comunidade, baseada na labor realizada por elas que melloran a calidade de vida do seu municipio. 

ACTIVIDADES NOS CENTROS EDUCATIVOS 

Ademais, o 25N chegará ao alumnado de Secundaria da vila, cos Puntos de Igualdade (PUI), que terán carácter permanente. 

O obxectivo é establecer dinámicas de apoio dende o Concello e a través do CIM, que favorezan o compromiso coa igualdade entre mulleres e homes e contra a violencia de xénero e a participación activa da comunidade educativa. Serán dous bancos de interior serigrafiados, con capacidade para conter material de lectura en igualdade e unha pancarta con información sobre recursos de utilidade na prevención e intervención en violencia de xénero. 

Para os nenos e nenas de Infantil e Primaria haberá "Contos vellos, novos finais". A actividade consiste na creación dun espectáculo temático en igualdade de 60 minutos, que recrea escenas cotiás e historias a través de experiencias de narración oral compartida e participativa.

Finalmente, impulsarase a campaña "Ler para compartir", unha iniciativa de lectura compartida (bookcrossing) na Finca de Briz a disposición da cidadanía, cun elemento urbano de madeira (a modo de casiña de paxaros), con libros de lectura en valores de igualdade para todas as idades.