Marín quere pagar a senda peonil "accesible e segura" en Ardán co Plan Extra

Marín
01 de novembro 2025

O itinerario conectará os núcleos de Xuncal e O Pazo co cemiterio parroquial de Ardán, resolvendo unha das principais demandas veciñais e un problema histórico de mobilidade

Lugar por onde transcorrerá a senda peonil de Ardán
Lugar por onde transcorrerá a senda peonil de Ardán / Concello de Marín

O goberno municipal de Marín xa decidiu o proxecto que presentará á nova convocatoria do Plan Extra da Deputación: a construción dunha senda peonil "accesible e segura" en Ardán.

O obxectivo desta actuación é o de mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade e a calidade de vida da veciñanza desta zona rural do municipio.

O itinerario conectará os núcleos de Xuncal e O Pazo co cemiterio parroquial de Ardán, resolvendo unha das principais demandas veciñais e un problema histórico de mobilidade.

Isto é porque, actualmente, o acceso faise por beiravías estreitas e sen pavimento regular, o que supón un risco para o tránsito de peóns.

O proxecto contempla unha senda de 2,5 metros de ancho e preto de 730 metros de lonxitude, combinando tramos segregados do tráfico con zonas de convivencia de prioridade peonil nos núcleos habitados.

Tamén se actuará na rede de pluviais coa instalación dun colector subterráneo e sumidoiros e melloraranse o firme da estrada, os carrís de circulación e a sinalización horizontal.

A intervención permitirá ademais reordenar o entorno do cemiterio coa creación dun paso de peóns sobreelevado e a reubicación de elementos como a marquesina, contribuíndo á mellora estética e patrimonial da zona.

Para María Ramallo, alcaldesa de Marín, proxectos como este son "esenciais" para garantir o equilibrio territorial entre o centro urbano e as parroquias, "mellorando a seguridade e os servizos nas zonas rurais e contribuíndo a fixar poboación".

O orzamento global do proxecto é de 863.573,59 euros.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora