Marín dá as grazas a Raquel Carragal e Charo García, "que adicades todo o voso tempo a que vivamos máis e mellor"

Marín
14 de setembro 2025

A alcaldesa, o conselleiro de Sanidade e o tecido asociativo apoian a entrega dos Premios Facendo Historia, do Club Opinión Portocelo. Recoñecen a título póstumo a Carlos Paratcha

Entrega dos Premios Facendo Historia en Marín
Entrega dos Premios Facendo Historia en Marín / Concello de Marín

A casa consistorial de Marín foi escenario este sábado dunha emotiva homenaxe a tres veciños da vila dos que o Concello e o Club Opinión Portocelo queren destacar o seu traballo e traxectoria, Raquel Carragal e Charo García en persoa e, a título póstumo, Carlos Paratcha

Os tres recibiron os Premios Facendo Historia de Marín, nun acto presidido pola alcaldesa, María Ramallo, e Ángel García Carragal, promotor dos galardóns. Tamén estivo presente o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e unha ampla representación das asociacións de Marín. 

María Ramallo lembrou que estes galardóns naceron hai máis dunha década coa vontade de "recoñecer o mellor do noso pasado, pero tamén de poñer en valor o presente e de proxectar o futuro de Marín a través das súas xentes" e este ano van para "dúas marinenses impecables".

De Charo García Campelo e Raquel Carragal Da Costa destacou María Ramallo que son "xente humilde que fai todo o que fai desde a xenerosidade e o compromiso social" e recoñeceu que, como alcaldesa, pero tamén como veciña de Marín e como cidadá, "síntome honrada por ter entregado estes premios"

Entrega dos 'Premios Facendo Historia' en Marín
Entrega dos 'Premios Facendo Historia' en MarínConcello de Marín

Ángel García Carragal sinalou que Raquel Carragal é nai, docente e deportista e "a súa vida xira arredor de Marín, onde naceu" e onde traballa no colexio San Narciso. E puxo en valor o seu traballo, como "persoa empática e solidaria", para dar visibilidade á Esclerose Múltiple, pero tamén con colectivos como 'Bicos de Papel', que axuda aos nenos diagnosticados de cancro e as súas familias, á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia ou ás enfermidades raras e a Plataforma Loita.

De Raquel destacou a alcaldesa que "dás todo o que tes: suor, esforzo, músculos, pel… Mente e corpo en cada reto para que as enfermidades raras deixen de ser iso, raras, e poidan ser obxecto de máis investigación, máis medios, máis aceptación social e máis comprensión". 

Ángel García Carragal lembrou que Rosario García Campelo é unha recoñecida especialista en Oncoloxía Médica cunha sólida traxectoria nos ámbitos asistencial, docente e investigador. Actualmente, dirixe o Departamento de Oncoloxía Médica do Hospital Universitario da Coruña e encabeza o Grupo de Investigación en Oncoloxía do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), onde tamén coordina a área de Investigación en Oncoloxía.

María Ramallo destacou que é "unha luceciña acendida entre tanta escuridade", a que trae o cancro, que "é como apagar todas as luces de repente: o medo, a incerteza, a inseguridade, a dor, a soidade…". Recoñeceu o seu traballo, pois "ti falas de futuro, de oportunidades, de esperanza. Falas de innovación, de investigación e de humanidade asistencial. Falas de diagnóstico precoz e de medicina de precisión".

Entrega dos 'Premios Facendo Historia' en Marín
Entrega dos 'Premios Facendo Historia' en MarínConcello de Marín

Agradeceu ás dúas "que adicades todo o voso tempo a que vivamos máis e mellor", tan importante nun momento no que "todo parece prioritario... ata que falla a saúde. Aí freamos en seco. Aí paramos. Aí asustámonos e cambiamos todas esas prioridades. De repente, nada é urxente, excepto a nosa saúde".

En canto á mención póstuma, outorgada ao mestre e arqueólogo Carlos Paratcha, tomou a palabra, como representante do colectivo en defensa do Monte Pituco, Paz Castro, que destacou que esta homenaxe "supón un certo resarcimento" coa súa figura, "unha vida fascinante" que principiou en marzo de 1900. 

Agradeceu "que se recoñeza ese labor seu tan desinteresado e fecundo que, en palabras de Antonio de la Peña, logrou descubrir e dar a coñecer a maior parte das estacións rupestres que hoxe fan de Marín un territorio clave neste fenómeno".

O acto rematou cun pincho e a actuación do Coro de Cámara Thalassa.

Entrega dos Premios Facendo Historia en Marín
Entrega dos Premios Facendo Historia en MarínXunta de Galicia