Marín recibe a distinción de Defensa pola súa "longa e fructífera" relación coa Armada

Marín
14 de decembro 2017

A ministra de Defensa, María Dolores de Cospedal, presidía no Cuartel Xeral da Armada a cerimonia de entrega dos Premios Armada 2017 á que asistíu a alcaldesa de Marín, María Ramallo, para recibir o galardón

Galardonados nos Premios Armada 2017, con distinción para Marín
Galardonados nos Premios Armada 2017, con distinción para Marín

María Dolores de Cospedal, ministra de Defensa, presidía na tarde deste mércores 13 a cerimonia de entrega dos Premios Armada 2017. O acto desenvolveuse na sala de buques do século XIX do Museo Naval do Cuartel Xeral da Armada en Madrid.

Foi un escenario perfecto para que o Concello de Marín recollese o obsequio e a distinción que o acreditan como institución que mantivo ao longo de 2017 unha especial relación de colaboración coa Armada española.

Este galardón débese ao "entusiasta apoio durante os preparativos e desenvolvemento dos actos conmemorativos do 300 aniversario da Real Compañía de  Guardiamarinas".

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, foi en nome do goberno local marinense a encargada de recibir o distintivo. Durante a súa intervención agradeceu en nome de todos os premiados o galardón.

Os Premios Armada buscan achegar á sociedade os temas relacionados coa cultura naval e incentivar a investigación entre os seus propios membros. Desta forma entréganse premios aos mellores artigos sobre a Mariña, aos mariños que destacaron en competicións deportivas e obtiveron éxitos para a Armada ou as obras escritas, pinturas e de modelismo que estimulan na mocidade as vocacións relacionadas coa cultura naval.

No acto tamén recibiu un premio o presidente da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, Ramón Touza Prieto, pola súa traxectoria singular na promoción da actividade física e o deporte na Armada Española ao longo da súa vida como marino, que mantén a día de hoxe malia estar xubilado desde hai anos como Capitán de Navío.

O acto concluía coa proxección dun vídeo sobre o traballo que desenvolve a Armada na loita contra as redes de tráfico ilegal de persoas no Mediterráneo para evitar os fluxos de migración irregular.