Marín recupera a electricidade despois de 10 horas sen luz por unha dobre avaría eléctrica

Marín
28 de marzo 2016
Actualizado: 14:13

Marín sofría desde esta madrugada e ata case as 13.00 horas do luns unha avaría eléctrica que deixaba a 3.960 persoas pendentes de subministración eléctrica. Rexistráronse, segundo Gas Fenosa, dúas incidencias na mesma liña, unha na rúa Recamán e outra no Porto de Marín afectando a diversos puntos da vila

Apagón por avería eléctrica en Marín
Apagón por avería eléctrica en Marín

Marín pasou 10 horas sen luz, desde as 2:54 da madrugada ata as 13:00 horas deste luns 28, momento en que se reparou o servizo. A culpa desta situación derívase dunha dobre avaría eléctrica que, segundo a empresa subministradora, Gas Fenosa, rexistrouse nas rúas Recamán e no porto de Marín. Os danos afectaron a máis de 3.960 clientes, segundo datos da propia empresa.

Os afectados durante primeiras horas da mañá manifestaban o seu malestar a través das redes sociais indicando como lles afectaba o corte da subministración nos seus establecementos comerciais ou na súa vida habitual.

Doutra banda, Fenosa ofrece outra versión, desde a empresa eléctrica afirman que a incidencia se rexistraba unha hora máis tarde, ao redor das 04:00 horas. Alegan que a causa desta situación atópase nunha avaría nun cable soterrado.

As rúas Ezequiel Masoni, avenida de Ourense, Jaime Janer ou Verxel e a unha importante parte do Porto marinense son algunhas das moitas zonas afectadas por esta incidencia eléctrica. Segundo responsables de Fenosa, buscouse unha solución temporal, durante o corte, para os edificios do Concello e do Centro da Terceira Idade coa implantación de grupos electróxenos.

Fontes da Policía Local de Marín mostraban o seu malestar asegurando que se se trata dunha situación "tercermundista" ao verse afectados por esta incidencia, do mesmo xeito que a Policía Nacional.

Tamén algúns pacientes do Centro de Saúde en Marín tiveron que ser trasladados aos hospitais de Pontevedra. Veciños de Estribela, pertencente ao Concello de Pontevedra, e de Seixo tamén manifestaban verse afectados por esta avaría, que afectou o servizo de atención telefónica do Concello, que se comunicaba cos veciños a través da súa páxina en Facebook.

Segundo Gas Fenosa, a causa do problema está aínda por determinar pero, en principio, ao tratarse dunha liña subterránea descartan que fose provocado polo temporal nocturno e tampouco consideran que sexa consecuencia dalgunha acción de sabotaxe.