Marín recupera a súa feira con postos máis curtos para garantizar a distancia de seguridade

Marín
23 de maio 2020

Goberno local e vendedores ambulantes mantiveron unha reunión para planificar o regreso que terá lugar o vindeiro xoves

Mercado ambulante de Marín dos xoves PontevedraViva

Concello de Marín e vendedores ambulantes mantiveron este venres unha reunión co obxectivo de deseñar a reapertura do tradicional mercadillo dos xoves cumprindo estritamente todas as medidas de hixiene e prevención do estado de alarma.

A feira regresará á vila marinense o vindeiro xoves e farao con todos os postos. Con todo, para poder garantir a seguridade, os vendedores terán uqe recortar a lonxitude dos seus postos para respectar a distancia mínima e permitir o tránsito de persoas.

O uso de máscaras por parte de vendedores, que terán que usar tamén luvas, e clientes será obrigatorio e cada posto deberá ter a dispoisicón de todas as persoas xel hidroalcohólico para a limpeza de mans.

Así mesmo, a Policía Local controlará a montaxe dos postos e a afluencia de persoas ao recinto da feira.