Marín recupera o mercado ambulante de Seixo con 17 postos

Marín
03 de agosto 2020

A concelleira de Comercio e Turismo, Cristina Acuña, anunciou este luns a recuperación deste mercado, unha das demandas que a asociación de comerciantes Marín Sur incluíu no Plan de Reactivación Local do Comercio. Celebrarase cada luns na Alameda da Casa de Cultura

Reparto de postos para o mercado de Seixo
Reparto de postos para o mercado de Seixo / Concello de Marín

O vindeiro luns 10 de agosto Marín vai recuperar o mercado ambulante de Seixo. Será con 17 postos que a partir da próxima semana se colocarán cada sete días na Alameda da Casa de Cultura

A concelleira de Comercio e Turismo, Cristina Acuña, anunciou este luns a recuperación deste mercado, unha das demandas que a asociación de comerciantes Marín Sur incluíu no Plan de Reactivación Local do Comercio a raíz da crise da Covid-19. 

Segundo explicou a concelleira, este mercado farase os luns porque era o día da semana que mellor lles viña aos vendedores para poder colocar o posto.

O reparto dos postos realizouse este luns no Salón de Plenos entre os vendedores que xa tiñan adxudicado un posto resultado do sorteo que se realizara no 2015, cando o mercado se puxo en marcha por vez primeira, aínda que despois quedase paralizada a súa actividade.

No pasado, o mercado instalábase no Camiño Vello, pero agora pasará á Alameda da Casa de Cultura. Segundo explicou Cristina Acuña, este espazo non puido ser utilizado no 2015 porque existían unhas estruturas de madeira que impedían a distribución dos postos, pero tras a remodelación da Alameda, resolveuse o problema.