Marín redactará un plan especial de protección para o casco antigo e Cantodarea

Marín
26 de setembro 2023

O concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, explicou que este documento rexerá as condicións urbanísticas que aplicarán nestas zonas que requiren dun tratamento especial para a súa conservación

Edificio do concello
Edificio do concello /

O Concello de Marín vén de solicitar ao Fondo de Cooperación para as Entidades Locais a subvención que ofrece este ente para a redacción do plan especial de protección para o casco antigo e para Cantodarea.

O concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, sinalou que estas son dúas zonas da vila que, polas súas particularidades, requiren dun especial tratamento para garantir a conservación da súa esencia e do patrimonio.

Tal e como explica Santos, no PXOM xa se recolle a necesidade de crear este plan especial para estas dúas zonas, "co obxectivo de marcar as directrices urbanísticas que permitan desenvolver proxectos nelas". Xa que, ata o momento, nestes espazos só está permitido conservar e manter o que xa está construído.

Para poder elaboralo, solicitarase esta axuda por 302.500 euros. A duración estimada é de dous anos.

A redacción vaise realizando parcela a parcela. O obxectivo final, como indicou o edil, "é poder seguir desenvolvendo urbanísticamente Marín pero sen perder o foco da nosa arquitectura e fisionomía e respectando a tradición urbanística do espazo histórico e dun barrio tan tradicional e mariñeiro como é Cantodarea".