Marín reforma a cuberta e a contorna do lavadoiro do río de Casás

Marín
05 de maio 2020

A obra, sufragada polo Plan Concellos do 2018-2019, ten un custo que roza os 40.000 euros e un prazo de execución de dous meses

Obras de reconstrucción do lavadoiro do río de Casás en Marín
Obras de reconstrucción do lavadoiro do río de Casás en Marín / Concello de Marín

O Concello de Marín ten en marcha o proxecto de substitución da cuberta do lavadoiro do río de Casás. É unha actuación que engloba o acondicionamento da súa contorna, o regato do núcleo, varios camiños e peches de parcelas privadas que están dedicadas a cultivos hortofrutícolas.

O cambio da cuberta vén motivado polo impacto visual e polo mal estado de conservación no que se atopaba. Tanto o lavadoiro como a fonte, seguen sendo moi utilizados pola veciñanza na actualidade, polo que era preciso tamén abordar os problemas de estanquidad que presentaba.

A nova cuberta terá un chan plano inclinado e estará composta por materiais tradicionais como madeira e granito. No que respecta ao pavimento, conservarase o lousado de pedra orixinal e utilizarase lastra de granito silvestre para a plataforma que une o viario e o lavadoiro.

Así mesmo colocarase un banco xunto á árbore existente e mellorarase a iluminación pública para dotar de maior seguridade ao espazo nos momentos de escuridade.

O proxecto, que forma parte do Plan Concellos 2018-2019, está a ser executado pola empresa Irmáns Iglesias, Deseños e Construcións SL, por un importe total de 38.725,42 euros e ten un prazo de execución de 2 meses.