Marín replanta 7 árbores e 332 plantas na avenida de Ourense e pide colaboración veciñal para o seu mantemento

Marín
05 de xaneiro 2022

Das 4.000 plantas que se colocaron nos parterres, apenas o 3% non maduraron, pero outros moitos exemplares foron substraídos ou afectados por ouriños ou cavas de mascotas. Por iso, o Concello apela á responsabilidade cívica para manter en bo estado os xardíns municipais

Intervención paisaxística na Avenida de Ourense de Marín
Intervención paisaxística na Avenida de Ourense de Marín / Concello de Marín

O Concello de Marín protagonizou nos últimos días unha intervención na Avenida de Ourense para substituír plantas e árbores en mal estado, tras o cambio radical que supuxo a renovación da principal arteria urbana da vila.

En total no proxecto paisaxístico da Avenida de Ourense chegáronse a plantar ata 4.000 unidades de plantas, das que apenas o 3% non maduraron.

"O resto sufriron outros ataques externos, como o acceso de animais que ouriñan e cavan ou a subtracción de exemplares", explican desde o goberno local pedindo colaboración dos veciños para manter en bo estado os xardíns públicos.

De feito desde o Concello non dubidan en cualificar de "irresponsabilidade" non coidar estes espazos públicos xa que "deixar ás nosas mascotas desfacer os xardíns, ouriñar neles ou coller exemplares é unha agresión que facemos á imaxe da nosa vila e afecta despois as arcas públicas".

Nesta nova actuación replantáronse 7 das 80 árbores, así como 332 plantas.

Ademais desta tarefa, revisouse o arroio e o resto de xardíns con céspede e flores para eliminar malas herbas; saneáronse os tres oliveiras centrais e realizáronse tarefas de abono.