Marín rescindirá o contrato das obras do Liceo Casino por incumprimento da empresa

Marín
13 de novembro 2023

O Concello de Marín ven de iniciar os trámites para resolver o contrato á empresa adxudicataria das obras do Liceo Casino por incumprimento dos traballos de reconversión do local nun futuro Centro de Día Xuvenil e no Arquivo municipal

Local do antigo Liceo Casino de Marín con material de obra apilado na beirarrúa
Local do antigo Liceo Casino de Marín con material de obra apilado na beirarrúa / Concello de Marín

O Concello de Marín vén de iniciar os trámites para resolver o contrato á empresa adxudicataria das obras do Liceo Casino por incumprimento dos traballos de reconversión do local nun futuro centro de día xuvenil e no arquivo municipal.

O goberno local informou de que a empresa non estaba executando a obra e que esa parálise estaba a afectar ao proxecto e incumpríanse as condicións de contratación. 

Tal e como explica o Concello, esta resolución foi notificada á empresa, que unicamente levaba executado un 33% do total da obra, aproximadamente. Por iso, agora iníciase unha nova tarefa administrativa para poder licitar a execución da porcentaxe que queda.

Esta decisión tómase despois de que a empresa incumprise as esixencias contractuais producindo un gran agravio ao correcto desenvolvemento do proxecto.

Desde o Concello, queren que o futuro centro xuvenil sexa un espazo que lle sirva á mocidade como punto de referencia de actividades interesantes a nivel social, cultural e formativo, para que poidan desenvolver o seu potencial, namentres gozan dun tempo de lecer de calidade.

Novas tecnoloxías, destrezas educativas, aptitudes culturais e artísticas e outras liñas de desenvolvemento persoal serán as liñas que marquen as actividades e servizos que se ofrezan no centro, que estará pensado para rapaces e rapazas de entre 14 e 20 anos, aproximadamente.