Marín solicita ao comercio da vila a súa adhesión á recollida de cartón

Marín
10 de setembro 2018

Dende o goberno local sinalan que o Concello estará "vixiante" para que a empresa "cumpra coa dilixencia suficiente para evitar o amoreamento de cartóns por un tempo excesivo"

Dúas persoas cun feixe de cartón Mónica Patxot

O Concello de Marín está a implantar a recollida de cartón ao pé da porta nos establecementos comerciais do municipio, polo que se solicita a súa adhesión a dita campaña.

Os propietarios dos establecementos comerciais que se adhiran deberán colocar os cartóns encartados ou atados se fixese falta, mesmo metidos dentro dunha caixa facendo un único paquete o máis compacto posible.

Os cartóns deberán estar limpos, para facilitar a súa manipulación e posterior reciclaxe, e serán colocados na beirarrúa, a carón da fachada do establecemento, que fará a súa recollida entre as 16:30 e as 17 horas, dos luns, mércores e venres.

Dende o goberno local sinalan que o Concello estará "vixiante" para que a empresa "cumpra coa dilixencia suficiente para evitar o amoreamento de cartóns por un tempo excesivo" e facilitará a cada establecemento unha identificación conforme está adherido e está a colaborar nesta campaña e tamén un folleto informativo.