O Concello de Marín indica que, polo momento, está garantido o servizo de abastecemento de auga a todos os puntos do municipio, sen que se sufran restricións.
Con todo, o goberno de María Ramallo fai un chamamento especial ao consumo responsable da auga, sobre todo no caso das piscinas. Pídese un uso solidario e xestionar ben o seu uso neste momento de seca.
Segundo apuntan desde o equipo de goberno, os problemas que se rexistraron ata o momento redúcense ao depósito de Cadrelo, un dos pertencentes á rede de abastecemento de auga de Marín. O resto mantén a actividade recibindo auga das achegas municipais e procedente do Lérez a través do colector xeral. Os depósitos de Pedreiras e o da Cuesta están a abastecer ás zonas que resulta viable tecnicamente, segundo apuntan desde o goberno local.
O depósito de Cadrelo ten unha capacidade de 1.500 metros cúbicos de auga e abastécese exclusivamente de minas, captacións municipais e da Escola Naval. Nestes momentos, atópase pola metade da súa capacidade e o Concello de Marín o autoabastece con camións cisterna durante as 24 horas desde a tarde do luns. Este operativo manterase como medida preventiva mentres non comecen as choivas.
Desde o goberno local indícase que esta situación se debe á alta demanda de auga derivada do incremento de poboación durante os meses de verán.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.