Marín, unha vila invadida de piratas

Marín
18 de agosto 2018

A sétima edición da Festa Corsaria devolveu a Marín por unhas horas ao século XVIII e ás fazañas dos irmáns Gagos de Mendoza, enchendo o centro da vila de actividades, ambientación e sobre todo moita diversión, con récord de mesas e postos instalados na rúa

VII Festa Corsaria de Marín
VII Festa Corsaria de Marín / Diego Torrado

O século XVIII volveu por unhas horas a Marín na sétima edición da Festa Corsaria, unha celebración que segue a medrar sen freo ata converterse nunha cita indispensable.

Coas fazañas dos irmáns Gagos de Mendoza no recordo os marinenses botáronse á rúa para gozar dunha extensa programación.

Mercado de artesanía, actividades na rúa e locais e postos engalanados para a ocasión, como o habiltado pola Devesa no que nenos e maiores gozaron con obradoiro de pintacaras ou un photocall, encheron de cor o centro da vila coa Alameda como epicentro.

No Parque Eguren a mostra de oficios contaba co seu espazo destacado, sen esquecer as atraccións infantís, espectáculos de animación e teatro e pasarrúas por diferentes espazos e o concerto da Roda na Alameda con gran asistencia de público.

Outro dos puntos fortes da xornada era, por segundo ano, o desembarco xa entrada a noite que reproducía a famosa batalla de Aguete, que tivo lugar o 22 de agosto de 1.800 entre o exército inglés e a frota dos irmáns Gago de Mendoza. Os marinenses lograron vencer ás tropas inglesas, que buscaban capturar á fragata Alcudia, o correo do rei Carlos IV, que estaba cargada de prata que viña á capital de provincia. 

Aínda que a Festa Corsaria comezou o venres e prolongarase durante o domingo, este sábado era a xornada central, na que se bateron todos os récords de participación grazas ás 63 solicitudes para comidas e ceas na rúa cursadas por particulares e as 50 peticións de locais de hostalería.

Todo un éxito de participación e ambientación que promete volver puntual á súa cita de aquí nun ano.